Que podemos facer no tempo libre?


     Boas de novo! Como prometín, aquí vos traio unha lista dalgunhas cousas que podemos facer para pasar o noso tempo libre, que teremos moito e seguramente acabaremos cansados de facer sempre o mesmo. Espero axudarvos un pouco coas ideas!

-   Lectura. É recomendable, e case obrigatorio, dedicar uns minutos cada día á lectura. No cole adicámoslle sempre unha media horiña, así que ese debería ser o mínimo. Vos invito a facer, se terminades algún libro, unha ficha sobre él, contando de qué vai, o que máis vos gustou, e facendo un debuxo sobre o mesmo. Imaxinación ao poder!

-   Exercicio. Aínda que non podemos saír da casa, non é recomendable estar tooodas estas horas sen movernos, xa que sabedes que o exercicio é moi importante para previr enfermidades e manter a nosa saúde. Facer algún tipo de exercicio ou deporte na casa, dentro das nosas posibilidades, axudaranos a desbotar a enerxía que non podemos queimar no parque e estar máis tranquilos. Bailar é un exercicio boísimo!

-   Xogos de mesa. É unha forma marabillosa de pasar o tempo, e moito máis se podemos facelo con máis xente. No cole sabedes que temos un montón, podedes aproveitar a ensinarlle algún á vosa familia, ou xogar con eles a calquera outro que teñades na casa. Todo axuda. Incluso podedes inventar un propio e ensinalo aos compañeiros á volta!

-   Pintar. Para cando esteamos aburridos sen saber que facer, pintar sempre é unha boa opción. Calquera tipo de debuxo vale, pero eu anímovos a participar na seguinte iniciativa: comezou en Italia, e en España xa se dan moitos casos. Consiste en debuxar, ben grande un arco da vella acompañado dos lemas "Todo irá ben" ou "Eu quedo na casa" e colgalo nas ventás como mostra da solidariedade e esperanza de que se recupere a normalidade canto antes. Ademais, podes buscar arcos da vella polas ventás dos veciños, ou por internet. É unha iniciativa moi bonita e ti podes formar parte. 

-   Videoxogos. Por suposto, os videoxogos son unha moi boa alternativa para esgotar os tempos perdidos na casa. Pero coidado! non podemos excedernos. É recomendable controlar os tempos de videoxogos, consolas e televisión, xa que nesta época tenderemos a consumilo moito máis. E postos a elixir, seguro que podemos quedarnos con algunha aplicación da tablet que sexa educativa, e así aproveitar o noso tempo de videoxogos moito máis. 

-   Películas ou series. Tamén podedes aproveitar este tempo para ver na tele, aínda que con tempo controlado como dixen antes, algunha serie que vos guste. Facer tardes de película, con palomitas por suposto, sempre será tamén un plan perfecto. Aproveita que podes ver moitas que teñas pendentes! 

- Manualidades. Estes días na casa son un bo momento para facer manualidades, especialmente aquelas nas que utilizamos material de refugallo, como os cartóns do papel hixiénico por exemplo. Aproveita todo o tempo que tes e saca toda a túa imaxinación. Se queres podes incluso ensinárnolo á volta na clase, e explicarnos como o fixeches. 

- Puzzles ou pasatempos. Os puzzles son un xogo moi especial, xa que a maiores de ser moi divertido, e de levarnos moito tempo facelos, axúdanos a desenvolver a paciencia, a atención e a lóxica. Por iso se tes puzzles na casa, podes aproveitar a facelos. Só, cos irmáns ou toda a familia, sempre será moi divertido. E o mesmo podo dicirvos dos pasatempos, especialmente os que están en papel: sopas de letras, crucigramas, sudokus... a por eles!

-  Axudar nas tarefas de casa. Por último, pero non menos importante, propóñovos que axudedes aos vosos pais e nais nas tarefas de casa. Arranxar o cuarto, axudar a facer a comida, poñer a lavadora ou fregar os platos e o chan son actividades que vos manterán entretidos e que seguro vosos pais agradecerán. 

     E ata aquí a miña selección de cousas que podemos facer para pasar o tempo e pasar unha corentena o máis fácil posible. Se alguén precisa dalgún tipo de recomendación específica, ou quere preguntarme acerca dalgunha actividade en especial, podedes contactar comigo a través do correo electrónico: tercero.viladerutis@gmail.com

     Esperemos que quince días sexas suficientes e non teñamos que botarnos máis de menos. Pronto todo volverá á normalidade. Moito ánimo, xuntos podemos. 


Resultado de imagen de arcoiris

Comentarios