Xogo do xoves: ximkana

     Boa tarde a todos, xa rematadas as tarefas do día do libro, como hoxe é un día especial, non podía deixar de planear algo relacionado cos libros verdade? E para que sexa moi divertido, propóñovos crear unha ximkana na vosa casa. Pero unha ximkana de libros claro. 

     Como eu non podo estar, vouvos explicar o que eu faría para creala: sería moi interesante poder contar coa vosa familia, porque se o facedes vós sós pois xa ides saber a resposta, aínda que seguro que coas probas o pasades ben igual. Vouvos ir contando por pasos como crear unha ximkana para facer na casa e pasalo super ben: 

* Paso 1. Elixir a probar final. Como é unha ximkana polo día do libro, eu vos propoño escoller o título dun libro (mellor que teña moitas palabras). Escribídeo nun papel, e cortade cada palabra por separado. Eses serán os premios de cada proba: cada vez que se supere unha proba conseguiremos unha palabra do título (non ten por qué ser de forma ordenada).

* Paso 2. Pensar as probas. Xa que as palabras do título serán os premios das probas, haberá tantas probas como palabras teña o título. Un exemplo: unha ximkana que se chame "Alicia en el país de las maravillas" tería 7 probas (entre 5 e 8 é un bo número de probas). Agora temos que pensar ideas para facer nas diferentes probas. O ideal, sería pensar actividades de todo tipo (algunha de pensar, algunha relacionada co deporte, algo de debuxar, algo de falar ou escribir... así será máis divertido). Por aquí vos deixo algunhas ideas, pero xa sabedes, imaxinación ao poder:
- Busca pola casa tres libros diferentes dun autor que sexa home/muller e tráemos. 
- Cóntame o conto dos tres porquiños coma se foras un canciño. 
- Resolve a seguinte sopa de letras buscando personaxes de conto (terías que creala, claro). 
- Invéntate un baile para a canción de Don Quixote (por aquí cha deixo, por se non a coñeces, é a canción dunha serie de debuxos sobre este personaxe: canción don Quixote)
- Proba de mímica: pensa nun libro, e intenta que adiviñe cal é facendo mímica. 
- Intenta crear as letras do nome dun personaxe de conto a través do teu corpo (podes tirarte no chan, facelo de pé... o importante é conseguir que a outra persoa o adiviñe).
- Taboo: intenta que a outra persoa adiviñe o nome de tres películas, contos ou libros sen dicir as palabras prohibidas (por exemplo: se tes que explicar os tres porquiños, as catro palabras prohibidas, que poderían ser máis tamén, son porquiños, lobo, soplar e casas. Terían que intentar explicar de qué vai ese conto sen dicir esas palabras nin derivadas)

* Paso 3. Cando xa teñamos deseñadas as probas, metemos os premios nun sobre coa explicación de cada proba, e escribimos no sobre o número ou título da proba (da igual a orde). Colocamos cada sobre no lugar onde queiramos que se faga cada proba coas instruccións da mesma. 

* Paso 4: XIMKANA! Hora de xogar, resolver as probas (sós ou de forma competitiva cos irmáns, por exemplo), conseguir os premios e, sobretodo, a proba final: DESCUBRIR CAL É O TÍTULO DO LIBRO OCULTO DA XIMKANA. 

     Espero que vos gustara moito esta idea para celebrar o día do libro dunha forma moi divertida, na que todos podedes participar e facela ao voso gusto. Unha ximkana é moi divertida creala, facela só, facelo con xente... intentade animar ás vosas familias a que participen, a animádevos vós a facer esta super ximkana polo día do libro. Un bico moi forte e un abrazo para as familias. 


Comentarios