Xogos de cartas

     Boas tardes meus chiquitines, como foron esas tarefas? Hoxe traio para xogar algo que penso que vos pode gustar: vos propoño xogar ás cartas. Estou segura de que practicamente todos tedes algunha baralla de cartas na casa, así que na entrada de pasatempos de hoxe vouvos propoñer algúns xogos divertidos de cartas para facer sós ou coa familia na casa. 

     Tede en conta que aquí non están todos os xogos de cartas posibles, senón simplemente algúns xogos adecuados para a vosa idade, xa que sempre haberá algún máis difícil de entender que é mellor deixalo para cando sexamos un pouco maiores xa. Ademais, soamente vou poñer unha pequena selección e, se vos gusta, poderemos facer algún máis outros días. 

     Pois sen máis, imos alí, aquí vos deixo os xogos cunha breve explicación miña e cun enlace a unha páxina que volo explica un pouco máis longo e mellor, por se queredes profundizar. Gustaríame moito saber se xogades, a que xogos xogades, e se vos gustaron os xogos. 

- O reloxo: a este xogo xa xogamos na clase, acordádevos? Podemos facelo con xente ou coma se fose un solitario. Se xogamos con xente, gaña o primeiro en liberarse de todas as cartas, se xogamos sós, consiste en lograr quitarse todas as cartas sen que coincida ningunha co número que dicimos. As normas son moi sinxelas (normas do xogo): 
1. Repártense as cartas a partes iguais entre as persoas que xoguen (un montón cada un co mesmo número de cartas).
2. Cada xogador colle o seu montón na man boca abaixo, de forma que non vexa a carta. 
3. Por turnos, cada xogador irá poñendo enriba da mesa as cartas do mazo polo orden que salgan cara arriba, dicindo de forma ordeada o nome das cartas da baralla (as, dous, tres, catro, cinco, seis, sete, sota, cabalo e rei). 
4. Se a carta que deixas na mesa non coincide coa que dis, vai o seguinte e así sucesivamente. Se a carta que deixas, coincide, tes que recoller todas as cartas que estean enriba da mesa e engadilas ao teu montón, de novo boca abaixo para non velas.  
5. Canto máis rápido o fagades, máis difícil. Se a túa carta coincide pero ninguén se da conta, unha vez dita a seguinte xa non se pode recoller. 
6. Gaña o primeiro en desfacerse de todas as cartas do seu mazo.
*Pódese xogar ata que o primeiro quede sen cartas, ou ata que só quede unha persoa con cartas. 

- A escoba: a este tamén comenzamos a xogar na clase. O xogo consiste, básicamente, en sumar 15. Para iso, tes que seguir as seguintes normas (normas da escoba):
1. Repártense tres cartas para cada persoa (que debe coller na man sen que as vexan os demais xogadores) e colócanse catro enriba da mesa boca arriba. Comeza a xogar a persoa que está á dereita do que repartiu. 
2. Cando te toque o turno, tes que intentar sumar quince utilizando SOAMENTE UNHA das cartas da túa man, con tantas cartas como poidas das que estean na mesa. 
3. É necesario ter en conta que, para poder xogar, os números ata o sete teñen o seu propio valor numérico, pero ás figuras hai que restarlles dous (é dicir, a sota vale 8, o cabalo vale 9 e o rei 10). 
4. Cando sumas quince, colles todas as cartas que utilizaras e colócalas nun montón diante de ti. Se ao sumalo, non deixas ningunha carta na mesa porque utilizas todas, tes que marcalo no teu montón deixando unha carta perpendicular e cara arriba: iso chámase facer escoba (porque barres toda a mesa).
5. Cando se terminen todas as cartas da man, o encargado volve repartir outra vez tres para cada xogador, e así ata que se terminen todas as cartas. 
6. Unha vez terminado, chega o momento de contar os puntos. Por cada "escoba" que fixeras, levas un punto, e a maiores repártese un punto para: quen teña máis cartas (1), quen teña o sete de ouros (1), quen teña máis setes (1) e quen teña máis ouros (1). En total, repártense catro puntos, máis as escobas que se fixeran na partida. 
*As cartas que quedan na mesa no final teñen que sumar, sempre, un número da táboa do cinco, senón quere dicir que alguén colleu mal e pódese anular a partida. Os torneos habituais acábanse cando un xogador chega a 21 puntos. 

- Cinquillo: a este xogo non xogamos, pero é moi fácil. Consiste, simplemente, en colocar na mesa as cartas por orden. Fácil, verdade, pois aquí tedes as normas (normas do xogo):
1. Repártense todas as cartas entre os xogadores, dándolle o mesmo número de cartas a todos. 
2. Comeza a persoa da dereita do que repartiu, e as primeiras cartas que é necesario colocar son os cincos de todos os palos. Polo tanto, se ten un cinco debe colocalo, senón debe pasar o turno. 
3. Unha vez estea o cinco, pódense ir colocando hacia arriba ou hacia abaixo, pero nunca saltando números (non podes colocar un tres se todavía non está o catro posto), colocando as cartas dos diferentes palos en columnas separadas. 
4. Se non tes cartas para colocar, debes pasar, pero se tes algunha debes colocala obligatoriamente. 
5. Gaña o primeiro xogador que consigue colocar todas as súas cartas na escala. 

     E ata aquí os xogos de carta de hoxe. Gustáronvos? Eu espero que si, se xogades a algún contádemo, e así podo saber que vos gustaron e que vos parece unha boa idea este tipo de xogos. Encatarame sabelo, e así poñerei outro día novas ideas de xogos de cartas para que poidades ser uns expertos nas cartas á volta. Un bico moi grande para todos, e moito ánimo para as familias. E non olvidedes que a mellor forma de aprender a xogar ás cartas é XOGANDO. 


LA BARAJA DE CARTAS ESPAÑOLA.....y sus múltiples juegos | Cartas ...


Comentarios