Boas pequerrechos! Xa rematou unha semana máis, e agora si que si, entramos na recta final deste curso escolar un pouco extraño xa, verdade? Nunca antes vivíramos algo así, e tede por seguro que isto o contaremos ás nosas familias cando sexamos maiores.
Como vos prometín, aínda que, agora que xa podedes saír á rúa e facedes outras cousiñas, xa non publico todos os días esta entrada, sí vouno facer de cara á fin de semana, para darvos algunha idea para mantervos entretidos. Esta finde, ademais, será un pouco máis longa do normal, xa que vos recordo que teremos ata o martes sen as tarefas do blogue.
E sen máis, por aquí vouvos deixar algúns xogos e cousas divertidas para este finde.
- Un volcán en erupción: por aquí vos deixo unha manualidade que fixo o voso compañeiro Santi, que ademais grabou un vídeo ensinando como se fai, e como é a reacción. Está suuuper chulo! Alguén máis se atreve a facelo?
- Xogos na web: coma sempre, vouvos deixar por aquí unha páxina de xogos que, aínda que penso que xa vola deixei algunha vez, hai xogos moi divertidos para pasar o tempo, batir récords e manternos entretidos. Incluso podemos practicar algunhas cousas das que aprendemos na clase! xogos na rede
- Manualidades: como sabedes, o domingo é o día da nai, e ademais é un día da nai un pouco especial e diferente, pero as nosas nais sempre merecen o mellor verdade? Pois por aquí vouvos deixar unha selección de manualidades que podedes facerlle para darlle unha sorpresa chulísimas ás vosas nais: SEGURO QUE LLES ENCANTA! manualidades día da nai.
- Xogos en familia: durante este tempo en casa, sempre cando os nosos pais estean libres, podemos propoñerlles facer algún xogo que sexa divertido para todos. Por exemplo, pode ser boa idea xogar ao escondite, facer un xogo de pistas, unha ximcana, xogar a agochar algo na casa e buscalo... sacade as vosas ideas e creatividade! Unha idea que me gusta a mín moito é crear un circuito de obstáculos, ou incluso facer unha cabaña con sabas como tellado e paredes... como me apetece xogar!
- Xogos de mesa: finalmente, tamén vos deixo por aquí esta idea, que sempre é moi boa. Podedes xogar ao parchís, á oca, ao un, aprender a xogar ao xadrez, xogar aos xogos de cartas que vos ensinei ou aprender algún novo, ou incluso crealo vos... tedes algún xogo de mesa favorito? Encantaríame velo e que me contárades como se xoga! Ah, e tamén podedes facer puzzles. A min encántanme!
E listo, ata aquí as miñas ideas para que fagades este finde. E, por suposto, nos vos olvidedes de ler, facer exercicio, debuxar, descansar... ao final ides estar agobiados con tantas cousas que facer! Espero que o tempo pase rápido e podamos pronto darnos unha grande aperta! Un bico para todos e todas vós, e moito ánimo!
Comentarios
Publicar un comentario