Ola a todos e a todas! Hoxe é o último día da penúltima semana do curso! Tedes ganas de verán? Eu non o teño moi claro, xa que ten pinta de que vai ser un verán moi diferente. Pero podería dicirse que si que teño ganas, porque a verdade é que todos necesitamos un descansiño desta situación tan rara, verdade? Pois veña, que xa queda moi pouco.
Ademais, o día de hoxe é un día moi fácil: imos ter primeiro unhas fichas de repaso de matemáticas, despois faremos as tarefas de música e de educación física, e remataremos cun traballo conxunto de ciencias sociais e lingua galega. Que pouquiño verdade? Pois veña!
- Matemáticas: hoxe, en mate, tócanos repasar as horas. E para iso imos facer un par de fichas nas que temos que estar moi concentrados para facelo ben. Utilizade a memoria, que ben sei que sabedes facelo se o pensades:
*Ficha 2: fai os exercicios (o último exercicio, facédeo sen gravarvos, porque non vai ben).
- Música: como tódolos venres, por aquí vos deixo o blogue de música para que vaiades a ver as tarefas que tocan esta semana: blogue ruteando coa música.
- Educación física: por aquí vos deixo tamén, como cada día, a tarefa da semana que vos deixa o profe David para que traballedes educación física. Facemos Ioga na casa.
- Lingua galega e ciencias sociais: tedes que facer un traballo informativo sobre a educación vial. Para iso segue os seguintes pasos:
1. Apunta nunha libreta que é o máis importante que, segundo a túa opinión, aprendiches ou xa sabes da educación vial (normas, sinais, como moverse, a que facer caso).
2. Recolle a información de forma bonita e visual nun folio ou cartolina, canto máis visual mellor.
3. Acompáñao de debuxos das sinais, ilustracións das normas ou o que consideres.
4. Envíame unha foto do resultado do traballo.
5. Recorda facer o traballo en lingua galega.
E listo, con todo isto rematamos o traballo desta semana. E case case rematamos o curso, espérovos o luns cunha semana de sorpresas e novidades, de repasar todo o que aprendimos este curso, e sobretodo de despedirnos e botarnos de menos. Que pasedes moi boa finde!
Comentarios
Publicar un comentario